A que sabe a camelia? Descúbreo este venres na rúa

Pontevedra
22 de abril 2016

'A nosa camelia, tan curiosa como sabrosa', con este lema os estudantes da Escola de Hostalería Carlos Oroza organizan unha actividade gastronómica en tres puntos da cidade coa flor que identifica as Rías Baixas

Presentación de 'A nosa camelia, tan curiosa como sabrosa'
Presentación de 'A nosa camelia, tan curiosa como sabrosa' / PontevedraViva

Ás 12.00 horas do mediodía deste venres 22 de abril, ao redor de cincuenta estudantes do Centro de Formación Profesional Carlos Oroza desenvolverán unha actividade en tres puntos de Pontevedra que se centrará na degustación de camelias.

As áreas de márketing, servizos e cociña ofrecerán aos viandantes tres posibilidades gastronómicas realizadas coa flor típica das Rías Baixas.

Aquelas persoas que se acheguen ata a praza de España á contorna da estatua dos Heroes de Ponte Sampaio, á praza da Ferrería ou á rúa Frei Tomás de Sarria, tras o Instituto Vale Inclán poderán degustar produtos tan curiosos e exquisitos como o nigiri de vieira con aceite de camelia, follas fritas de camelia con chantilly, cociñadas con peta-zeta, e té de camelia con aroma de amorodos e pétalos deshidratados.

Este xoves 21 presentouse na Casa da Luz esta actividade que desenvolven entre profesores e alumnos do Carlos Oroza coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación, ademais das asociacións Xoán XXIII e a ONCE.

A degustación das catrocentas unidades que se ofrecen servirá tamén para coñecer as características desta flor e os espazos da provincia onde se poden ver exemplares de camelia.