"Por un exercicio da Avogacía digno". Con este lema, avogados de Pontevedra que exercen na quenda de oficio saíron á rúa este mércores con concentracións ante os xulgados da cidade e de Vilagarcía. As protestas coincidiron coa conmemoración, como cada 12 de xullo, do Día da Xustiza Gratuíta e a Quenda de Oficio.
A concentración, similar á realizada noutras cidades, coincidiu coa folga de avogados de oficio convocada polo sindicato Venia e coa aprobación unánime no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei impulsada polo PP pedindo ao Goberno a reforma da lei de asistencia xurídica gratuíta para atender as demandas dos avogados da quenda de oficio, que reclaman unha revisión das tarifas e medidas que favorezan a conciliación coa vida persoal e familiar.
Durante a protesta ante o edificio xudicial da Parda, leron un manifesto no que lembraron que se trata "unha mobilización da Avogacía sen precedentes", á que tamén está chamada a Procura, porque as súas reclamacións son comúns.
En Galicia, e por primeira vez na historia da Avogacía e da quenda de oficio, avogados e avogadas da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e Pontevedra exerceron o dereito á folga garantindo os servizo mínimos, para a defensa do que "dereitos fundamentais básicos".
Eses dereitos reclamados son a dignificación da profesión, remuneracións dignas e xubilacións dignas.
"Xa se acabou que a avogacía e resto de profesionais sexamos os eternos esquecidos, estamos a mobilizarnos con afán de permanencia. Isto xa é imparable", sinalaron no seu manifesto, no que concluíron asegurando "xa esta ben de defender a terceiros e non, a nós mesmos. Pódese e ímolo a conseguir".