A rampla axardinada do porto de Sanxenxo, camiño de converterse nun "xardín naturalista do século XXI"

Sanxenxo
12 de novembro 2023

Os primeiros exemplares de piñeiro xa forman parte, desde hai días, da rampla. A plantación deu comezo coas especies de maior porte con suxeición baixo terra e tensores aéreos para evitar o efecto do vento no agarre á superficie. A actuación desta primeira fase concluirá no prazo previsto

Plantación na rampla axardinada do porto de Sanxenxo
Plantación na rampla axardinada do porto de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A nova rampla axardinada da zona portuaria de Sanxenxo está a dar xa novos pasos para chegar ao seu proxecto final como nova paisaxe natural, que a arquitecta María Fandiño define como "un xardín naturalista do século XXI con plantas autóctonas que dialogan coa paisaxe de ao redor e de baixo requirimento hídrico".

A arquitecta María Fandiño, gañadora do premio nacional Arquitectura 2021 na categoría de “Sustentabilidade e Saúde. Valores universais”, é a encargada do proxecto de xardinería e da tarefa de combinar a floración das distintas especies creando un auténtico tapiz cromático.  

Os primeiros exemplares de piñeiro xa forman parte, desde hai días, da rampla. A plantación deu comezo coas especies de maior porte con suxeición baixo terra e tensores aéreos para evitar o efecto do vento no agarre á superficie.

Ademais, unha malla de coco biodegradable, estendida polos 5.259 metros cadrados de superficie, impide que as fortes choivas arrastren a terra polo noiro. O resultado será un novo espazo verde en pleno centro urbano de Sanxenxo onde se plantarán 33 piñeiros e tamarices e 4.369 arbustos de oito variedades diferentes, cun total de 10.289 plantas

Co xogo de floracións morado, violáceo e amarelo das especies autóctonas búscase que o efecto sexa o máis silvestre posible, unha paisaxe de costa verde en pleno centro urbano de Sanxenxo. Un traballo que se prevé que culmine a finais deste mes e que precisará duns meses para poder verse en todo o seu esplendor natural. "É necesario que as persoas sexan respectuosas co xardín porque os primeiros meses serán claves no éxito da plantación", asegura Fandiño.

A actuación desta primeira fase concluirá no prazo previsto. Os traballos non se paralizaron no verán e, a pesar da choiva, non se sufriron atrasos.