A recollida de tapóns permite que Nahir conte con seis meses de terapia para a súa parálise cerebral

Pontevedra
09 de febreiro 2017

A nena pontevedresa de 5 anos precisaba da colaboración cidadá dentro da campaña promovida pola Fundación Amigos de Galicia para financiar dúas terapias para tratar a súa parálise cerebral

Alejandra González coa súa filla Nahir
Alejandra González coa súa filla Nahir / Fundación Amigos de Galicia

A finais de outubro de 2016, a Fundación Amigos de Galicia iniciaba unha campaña para recoller tapóns co obxectivo de obter recursos económicos para financiar o tratamento de Nahir, unha nena pontevedresa de 5 anos de idade, que sofre parálise cerebral.

A menor precisa de dúas terapias que supoñen un investimento superior a 10.000 euros anuais. A partir da petición realizada pola nai da nena, os cidadáns de diferentes puntos de Galicia envorcáronse na recollida de tapóns. Recibiron cantidades importantes desde Muxía, Ferrol, O Carballiño ou Sanxenxo, entre outros puntos.

Para a captación de tapóns tamén se implicaron iniciativas como a de Taponeta Solidaria e con toda a recollida logrouse financiar seis meses do tratamento. A nai, Alejandra González, manifesta nun vídeo realizado pola Fundación Amigos de Galicia que se atopa moi contenta polo éxito da campaña e apunta que, grazas á terapia financiada con esta actividade solidaria, Nahir conta con máis elasticidade e máis control cefálico.

Os tapóns plásticos recolleitos trasladábanse á planta de Reciclaxes Plásticas A Cañiza. Con eles realízanse caixas de plástico negro.