A recollida selectiva superou en 2020 as catro mil toneladas de residuos, un 12% máis

Pontevedra
16 de maio 2021

O comportamento ambiental dos pontevedreses bateu marcas durante o ano 2020, polo menos no que á reciclaxe se refire. A recollida selectiva de papel/cartón, vidro e envases superou as catro mil toneladas de residuos. É un 12% máis que o ano anterior

Recollida do lixo do contedor marrón en Pontevedra
Recollida do lixo do contedor marrón en Pontevedra / Concello de Pontevedra

O comportamento ambiental dos pontevedreses bateu marcas durante o ano 2020, polo menos no que á reciclaxe se refire. A recollida selectiva de papel/cartón, vidro e envases superou as catro mil toneladas de residuos. É un 12% máis que o ano anterior.

En concreto, os cidadáns depositaron nos correspondentes contedores destinados á reciclaxe un total de 4.141.150 quilos, fronte os 3.647.159 que botaron durante o ano 2019.

Especialmente destacado é o incremento que se produciu nos contedores azuis. A reciclaxe de papel e cartón alcanzou as 1.818 toneladas, cando hai apenas un ano foron 1.409. É, polo tanto, un aumento dun 22,50%, cifra que se duplica comparada coa de 2018 (920 toneladas).

No caso do vidro, foron 1.165 as toneladas que acabaron nos iglús verdes, superando as 1.080 de 2019, a pesar de que o peche da hostalería lastrou estes datos. É un 7,30% máis.

Tamén son notables as cifras dos contedores amarelos, destinados aos envases lixeiros. Os pontevedreses botaron neles 1.157 toneladas. No ano anterior foran 1.021, polo que o incremento con respecto a 2019 foi dun 11,75%.

Da recollida da fracción resto, a que se deposita no colector verde, o Concello tamén fai unha lectura en positivo xa que o ano 2020 rexistrou unha recollida de 28.282 toneladas, a cifra máis baixa dos últimos dez anos. 

Desde o goberno municipal vinculan esta baixada coa súa aposta pola compostaxe, tanto na cidade como no rural, e ao bo funcionamento dos programas específicos pensados para o comercio e a hostalería como a recollida porta a porta de cartón, papel e vidro.

O concelleiro responsable da xestión dos residuos, Raimundo González, agradeceu a implicación dos cidadáns neste sistema, xa que "sen a súa participación activa e concienciada unha Pontevedra máis ecolóxica, ambiental e limpa non sería posible".