A recuperación da contorna de Segade centrará as prácticas dun novo obradoiro de emprego

Umia
03 de novembro 2021

A parte práctica desenvolverase no terreo municipal da fervenza de Segade, para continuar cos traballos de recuperación paisaxística e ambiental da antiga central hidroeléctrica e a súa contorna, e coa consolidación de muros e recuperación dos antigos camiños

Fervenza de Segade (Caldas de Reis)
Fervenza de Segade (Caldas de Reis) / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis deu inicio nesta primeira semana de novembro ao Obradoiro Dual de Emprego "Os Camiños do Camiño II", no que vinte caldenses seleccionados, dez mulleres e dez homes, serán os beneficiarios directos da formación e da práctica laboral que recibirán durante nove meses.

Dez participantes formaranse na especialidade de actividade forestal e xardinería e outros dez na especialidade de albanelería-cantería.

O equipo directivo está formado por unha directora, unha docente de forestal-xardinería, un docente de albanelería-cantería e unha auxiliar administrativa. Nos próximos días incorporarase outra persoa encargada das titorías.

A formación teórica impártese nas instalacións do novo Edificio de Usos Múltiples,  xunto á Escola de Música, na travesía Dona Urraca.

A parte práctica desenvolverase no terreo municipal da fervenza de Segade, para continuar cos traballos de recuperación paisaxística e ambiental da antiga central hidroeléctrica e a súa contorna, e coa consolidación de muros e recuperación dos antigos camiños, dando continuidade aos traballos iniciados hai un ano polo anterior obradoiro dual de emprego.

O novo obradoiro conta cunha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade de 346.946 euros, financiada por fondos finalistas transferidos polo Servicio Público de Empleo Estatal do Ministerio de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social.