O Concello de Soutomaior informou este xoves de que antes de que finalice o ano estará lista a renovación da rede de abastecemento de auga en Cochón.
O concelleiro de Obras, Pablo Garrido, lembrou que a rúa Cochón conta cunha rede de abastecemento de auga "totalmente obsoleta" que ten máis de 25 anos polo que a súa renovación "é unha prioridade para o actual goberno local" xa que a veciñanza desta rúa de Arcade leva sufrindo máis de 45 fugas nos últimos 10 anos.
Estes traballos contarán cun investimento de máis de 44.000 euros e sairán a licitación nas vindeiras semanas.
O actual proxecto ten como obxectivo a renovación da rede de abastecemento de auga na marxe dereita da Rúa Cochón onde se retirarán 150 metros das canalizacións actuais e se instalará unha nova rede, que se conectará coa rede de abastecemento das rúas Xosé Solla e Calvario. Ademais está prevista a renovación da beirarrúa en dúas da acometidas.
Adicionalmente instalarase como mellora do sistema unha ventosa que evitará bolsas de aire que xeran sobrepresións nas tubaxes e así reducirase o caudal, así como posibles avarías.