A reforma da ponte da Barca terminará este mes de decembro

Pontevedra
07 de decembro 2018

Xa se pode ver na ponte da Barca a estrutura de madeira de pícea da nova marquesiña. Os operarios da empresa Civis Global iniciaron a montaxe na beirarrúa máis próxima ao colexio das Doroteas mentres que permanece inutilizado para o paso de peóns o outro lateral

Instalación da marquesiña da ponte da Barca
Instalación da marquesiña da ponte da Barca / PontevedraViva

Xa se pode ver na ponte da Barca a estrutura de madeira de pícea da nova marquesiña.

Os operarios da empresa Civis Global iniciaron a montaxe na beirarrúa máis próxima ao colexio das Doroteas mentres que permanece inutilizado para o paso de peóns o outro lateral.

Visualmente a nova estrutura apenas se diferencia da anterior aínda que o proxecto deseñado pola Consellería de Infraestruturas contemplaba unha cubrición de aluminio máis resistente que a anterior e que amparase da choiva aos transeúntes dunha maneira máis eficaz.

As obras teñen un custo de 931.000 euros e a previsión é que os traballos rematen este mes de decembro.

A primeira fase desta reforma centrouse no arco central do viaduto, a segunda consiste na demolición da actual marquesiña e o cambio por outra nova.