Unha vez que as obras de reforma urbana na rúa Cruz Vermella están a piques de terminar, chega o momento de que a empresa que executa estes traballos, a construtora COVSA, aborde as melloras que ofertou para adxudicarse este contrato. Unha delas, a reforma da Praza da Castaña, unha actuación solicitada polos veciños do barrio.
Non supoñerá, en todo caso, unha actuación profunda na praza pero será suficiente para que o seu aspecto cambie por completo.
As obras prevén demoler o parterre axardinado e elevado que se instalou no seu día no centro da praza, rodeado de bancos de pedra.
Toda zona pasará a estar ao nivel da calzada e colocaranse novos bancos e diverso mobiliario urbano, para crear unha área de estancia e manter o acceso aos garaxes que hai na praza. Tamén se renovará a iluminación deste ámbito urbano.
No centro, ademais, plantarase unha árbore ornamental. Desde o goberno municipal aseguran que aínda non se decidiu que especie se plantará. Será unha árbore que creza verticalmente e non ao ancho, que as súas follas non resulten perigosas ao caer ao chan e que a cor das súas flores non desentone coas tonalidades da propia contorna. E non, non será un castiñeiro.
A actuación incorporará unha inscrición ao redor da árbore, probablemente no chan, que aluda ao nome da praza e explique o motivo da súa denominación.
A previsión do Concello é que esta obra comece en xaneiro e, segundo o proxecto presentado pola compañía, supoñerá un investimento de case 62.000 euros.