A mellora integral da avenida Luís Rocafort en Sanxenxo encara xa a súa recta final e estará lista antes das festas do Nadal.
A vindeira semana colocaranse as árbores ornamentais para, a partir do día 27, instalara a iluminación e o mobiliario urbano e rematar coa extensión do novo firme e a sinalización horizontal.
A climatoloxía permitiu colocar a baldosa e o bordiño da beirarrúa. Tamén están xa instaladas todas as canalizacións de pluviais e fecais correctamente, e soterradas as redes dos servizos de telefonía e electricidade, que tiveron que ser coordinadas con Telefónica e Fenosa.
O vindeiro luns agárdase recibir as árbores ornamentais que se instalarán na vía (52 xacarandas) para iniciar a súa plantación coa creación dos alcorques e a colocación dos correspondentes lastros.
A semana seguinte será a quenda da iluminación e o mobiliario urbano: colocaranse 64 luminarias de 7 metros de altura que terán un deseño propio para Sanxenxo, así como bancos, papeleiras ou elementos de ancoraxe de bicicletas, entre outros.
Finalmente, e xa para rematar a actuación, procederase ao fresado e os saneos do firme actual e extenderase o novo aglomerado (cos correspondentes pasos de peóns sobreelevados), para despois realizar os marcados da sinalización horizontal.
Estímase que estes últimos traballos, segundo asegurou o deputado Uxío Benítez, se realicen nun máximo de tres días hábiles se o tempo acompaña, non sendo preciso cortar a totalidade do tráfico na vía, xa que se fará por carrís individuais.
De forma preventiva e por se o prazo oficial ata o 31 de novembro non era suficiente para realizar os últimos axustes e retoques menores, a dirección de obra decidiu solicitar o pasado mes unha pequena prórroga para a actuación ata o 22 de decembro, xa que se produciran algúns retrasos motivados polas instalacións de Fenosa e Telefónica.
Esta prórroga, que se todo segue segundo o previsto apenas necesaria para uns días, foi aprobada na Xunta de Goberno do venres.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.