A reforma de Marqués de Valterra encara a súa fase final

Pontevedra
30 de novembro 2014

A última fase do proxecto de mellora da seguranza viaria e reforma da praza Marqués de Valterra e da avenida de Marín ao seu paso por Estribela xa está en marcha. Comezouna esta semana o Concello de Pontevedra coa instalación dunha nova iluminación. Esta parte final supón un investimento de 60.000 dos 120.000 euros destinados a todo o proxecto

A Policía Local na praza Marqués de Valterra
A Policía Local na praza Marqués de Valterra /

A última fase do proxecto de mellora da seguranza viaria e reforma da praza Marqués de Valterra e da avenida de Marín ao seu paso por Estribela xa está en marcha. Comezouna esta semana o Concello de Pontevedra coa instalación dunha nova iluminación. Esta parte final supón un investimento de 60.000 dos 120.000 euros destinados a todo o proxecto.

Dentro deste proxecto xa se desmontou o paso elevado da avenida de Marín, instaláronse pasos de peóns elevados dentro e fóra da praza Marqués de Valterra, pintouse a sinalización horizontal e instalouse a nova sinalización vertical. Agora toca a fase final, que supón a instalación da nova iluminación da zona. 

Así, o Concello está a colocar farois novos similares aos que hai no casco urbano da cidade con luminaras led que permiten a reducción da contaminación lumínica, melloran a eficiencia enerxética nos espazos público e reducen o consumo un 80%.

Os novos farois marcan os percorridos peonís que se variaron dentro da praza e tamén no exterior, polo que contribúen á seguranza viaria de peóns e condutores, segundo informa o Concello a través dun comunicado.

Ademais, o Concello atendeu a petición do Consello parroquial de que se dese maior iluminación á área infantil da praza. Así, instalaranse farois e luminarias de última tecnoloxía.