A reforma do campo de fútbol de Dorrón vai tomando forma

Sanxenxo
05 de decembro 2023

Os vestiarios, os peches perimetrais do terreo de xogo e as bancadas. Son os puntos onde son máis visibles os traballos de reforma integral do campo de fútbol de Dorrón. As obras están a ser executadas por Espina y Delfín, empresa concesionaria do abastecemento da auga en Sanxenxo

Obras de reforma do campo de fútbol de Dorrón
Obras de reforma do campo de fútbol de Dorrón / Concello de Sanxenxo

Os vestiarios, os peches perimetrais do terreo de xogo e as bancadas. Son os puntos onde son máis visibles os traballos de reforma integral do campo de fútbol de Dorrón.

As obras están a ser executadas por Espina y Delfín, empresa concesionaria do abastecemento da auga en Sanxenxo, compensación polo canon xerado no anterior contrato.

Actualmente, están a centrarse no levantamento de paredes e divisións das zonas dos vestiarios de árbitros e xogadores, así como nun almacén. Na parte superior situarase a cantina. 

A obra contempla a reforma integral das instalacións e a dotación de céspede de última xeración para a práctica de fútbol 11 e 7.

O proxecto inclúe a colocación do céspede sintético de base elástica homologado pola FIFA, sistema de rega e iluminación. Ademais, acondicionarase a parcela exterior do campo como estacionamento. 

O terreo de xogo contará cunha rede de rega con seis canóns de rotación lenta e constante con 10 estacións.

A iluminación do campo de fútbol 11 proxéctase con torres de 20 metros de altura e cinco proxectores para conseguir unha iluminación óptima para a práctica do fútbol. Colocaranse redes recolle balóns nos fondos do campo cunha altura de 6 e 4 metros nos fondos de fútbol 7. 

En canto ao equipamento deportivo instalaranse dúas porterías de fútbol 11 de aluminio, catro porterías de fútbol 7 de aluminio, dous bancos de xogadores con capacidade para oito persoas mediante asentos plásticos e banderines de córner flexibles.

Ademais, executarase un novo peche na zona sur do campo e mellorarase o peche perimetral existente, substituíndo o actual portal de entrada.