A reforma do cruce da N-550 coa Rúa Areal en Barro, pendente de licitación

Barro
01 de outubro 2018

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, mantivo este luns unha xuntanza co xefe da Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra, Pablo Domínguez, na que abordaron os problemas de seguridade en varios puntos da Nacional 550 ao seu paso polo municipio

Estrada N-550 ao seu paso por Barro
Estrada N-550 ao seu paso por Barro

O cruzamento da Rúa Areal coa Nacional 550 no núcleo de San Antoniño, no municipio de Barro, é un dos puntos máis conflitivos deste viario, e o alcalde Xosé Manuel Abraldes trasladaba a súa preocupación este luns ao xefe da Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra, Pablo Domínguez. O responsable de estradas afirmou ante esta petición que xa está aprobado o proxecto de reforma, pendente da súa licitación.

O rexedor reiterou tamén a demanda de que se faga unha rotonda no cruzamento coa estrada provincial Portela-Curro, que soporta un tráfico moi intenso, cunha importante presenza de vehículos pesados.

O goberno local reclama unha rotonda para darlle seguridade aos vehículos que se incorporan desde a estrada provincial á  N-550, en dirección ao núcleo de San Antoniño. Desde Barro sinalan que queren retardar a velocidade dos numerosos vehículos que chegan a este núcleo do municipio procedentes de Pontevedra.

Outras demandas presentadas polo alcalde ante o xefe de estradas centrábanse nos cruces de Porráns e de Cangrallo.