O proxecto de transformación integral do parque da Praza de Europa segue o seu curso tras o pintado da nova pista multideporte e a plantación de arborado, que permitirá mellorar as condicións de sombra e a composición ornamental no contorno do seu parque infantil.
As obras continuarán coa renovación paisaxística do contorno da zona de xogos infantís e coa mellora da iluminación, instalando dous focos para a pista deportiva e outros dous proxectores para a área dos terreos de petanca, o que permitirá o seu uso nas últimas horas da tarde e pola noite. Ademais, realizarán unha supervisión das luminarias no conxunto do parque, o ampliarán con máis xogos e substituirán o chan de herba sintética.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, explicou que nestes días procederán á primeira plantación de arborado, con especies que permitirán mellorar as condicións de sombra no contorno do parque infantil.
Tamén sinalou que están a instalar un sistema de rega de xeito manual previo aos traballos de acondicionamento paisaxístico coa incorporación de planta arbustiva e vivaz e á eliminación e reposición das árbores en mal estado ou perigosas. "O broche a esta intervención porémolo coa mellora do pavimento de xabre e a dotación de novo mobiliario (bancos e papeleiras) e de puntos de recarga para teléfonos móbiles", engadiu.
Con este proxecto tamén contemplan mellorar o valor paisaxístico do espazo cunha acaída composición a nivel de xardinería; a creación dun espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; a optimización a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e o incremento da capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación.
A pista polideportiva instalada está pensada para xogos de pelota en xeral e conta con peche perimetral, entradas polos dous laterais, estruturas cubertas de capa anti graffiti, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos.
As obras de remodelación deste eixo central do barrio de Monte Porreiro, executadas pola empresa Garocaprim SL, custarán 44.467,18 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.