A reforma do parque de Pasarón renderá tributo ao Pontevedra CF

Pontevedra
30 de xaneiro 2023

Suporá un investimento duns 400.000 euros e incluirá a substitución do estanque actual por un xardín de choiva, a construción dunha pista multideporte, a creación dun parque canino e a instalación dun circuíto de calistenia

Proxecto de remodelación integral do parque de Pasarón
Proxecto de remodelación integral do parque de Pasarón / Concello de Pontevedra

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, ven de presentar o proxecto para a remodelación integral do parque de Pasarón que renderá tributo ao Pontevedra CF e que, agarda, se poida poñer en marcha durante o mes de marzo.

Suporá un investimento duns 400.000 euros e permitirá duplicar a superficie destinada a xogos infantís, substituír o estanque actual por un xardín de choiva, construír unha pista multideporte e crear unha nova zona de paseo para cans. 

O proxecto, redactado pola firma Acroa, foi deseñado mediante un proceso de participación cidadá e formula a dotación dunha zona de xogos infantís que ocupará unha área de 425 metros cadrados pechada en todo o seu perímetro, un espazo para cans de 240 metros cadrados, unha zona deportiva tipo calistenia, un pequeno anfiteatro e unha cancha de 'street fútbol' de 13 x 8 metros (con piso rematado en céspede artificial), así como a incorporación de sistemas naturais de drenaxe e xestión da auga. 

Iván Puentes precisou que se conservarán e reubicarán as árbores existentes no contorno do estanque e  tamén haberá novas plantacións.

Ademáis, colocaranse dez bancos e tres mesas de tipo picnic, así como un banco voadizo duns 18 metros de lonxitude no muro do parque infantil, e dotarase o espazo con tres papeleiras, tres fontes e seis aparcabicicletas.

ESCULTURA DO PONTEVEDRA CF

O anexo de melloras do proxecto de remodelación integral do parque da rúa Luís Otero propón a "creación dunha pequena escultura en material metálico, pedra ou sintético, relativa a algunha figura ou personalidade destacada na historia do Pontevedra CF".