A reforma urbana emprendida polo Concello de Marín chega a Cantodarea

Marín
26 de agosto 2021

Os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín visitaron o barrio acompañados por mebros da asociación de veciños para reflexionar sobre posibles melloras como a humanización da Rúa Cruceiros

Visita ao barrio de Cantodarea dos concelleiros marinenses Manuel Santos y Marián Sanmartín
Visita ao barrio de Cantodarea dos concelleiros marinenses Manuel Santos y Marián Sanmartín / Concello de Marín

Os concelleiros de Urbanismo, Manuel Santos, e de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín, visitaron esta mañá o barrio de Cantodarea coas veciñas da Asociación A Fonte, co obxectivo de atender in situ as súas demandas e establecer colaboración para poder actuar naquelas zonas que máis o precisan.

Entre outras cousas, os edís revisaron cuestións relacionadas coa eficiencia enerxética e de posibles proxectos a plantexar nun futuro próximo, como a pavimentación e a renovación dos servizos na Rúa Cruceiros.

Outra cuestión que se tratou ten que ver cos inmobles que están en estado ruinoso, un asunto complexo desde o punto de vista da Administración dado que se trata de propiedades privadas. O Concello está a revisar e xestionar con atención todos os expedientes abertos para que non se cometan infraccións.

Ademais, o Concello colaborará coa asociación para levar a cabo unha iniciativa que terá varios beneficios: a nivel urbanístico e de entorno urbano, a nivel social e a nivel histórico e cultural. O proxecto ten por obxectivo recuperar fotos antigas do barrio e colocalas nas súas localizacións en formato paneis, para poder loitar contra o feismo das propiedades que están en estados semi ruinosos, como é o caso, por exemplo, de A Laxe da Danza, unha casa histórica do barrio da que recuperaron unha foto de 1900, cando este fogar tiña actividade.

Desde a asociación aseguran que hai interese por parte do resto da veciñanza no proxecto e desde o Concello “seguiremos traballando para mellorar este barrio, que é histórico da nosa vila”, indicaron os edís.

Por outra parte, o Concello está a tramitar a adxudicación da reforma integral da zona de Pedreiras, rehumanizando diversas rúas e renovando todos os servizos nas rúas de Pedreiras de Arriba, Pedreiras de Abaixo, Pedreiras do Medio e Camiños da Fonte de Pedreiras.

Esta actuación, que abranguerá cerca de 3.000 metros cadrados, farase en catro fases cunha inversión cercana aos 850.000 euros. Suporá a sustitución de toda a pavimentación e a renovación dos servizos da vía.