A reformada avenida Luis Rocafort pasa a mans do Concello de Sanxenxo

Sanxenxo
06 de setembro 2018

O deputado de mobilidade da Deputación Uxío Benítez e o alcalde de Sanxenxo Telmo Martín asinaron oficialmente a acta de transferencia este xoves. O rexedor descarta ampliar as prazas de estacionamento porque entende que a obra quedou "magnífica"

Transferencia da avenida Luis Rocafort da Deputación ao Concello de Sanxenxo
Transferencia da avenida Luis Rocafort da Deputación ao Concello de Sanxenxo / Deputación de Pontevedra

O Concello de Sanxenxo é desde este xoves 6 de setembro o titular da avenida Luis Rocafort, despois de que o deputado provincial de mobilidade Uxío Benítez e o alcalde de Sanxenxo Telmo Martín asinaran oficialmente o acta para transferir esta vía cuxas obras de reforma finalizaron hai nove meses.

Todo este proceso comezaba no ano 2016 a través dun convenio entre a Deputación e o anterior goberno de Sanxenxo, que lideraba Gonzalo Pita, para cofinanciar a mellora desta avenida. Uxío Benítez indicou que esta avenida é un exemplo da nova maneira de como lle gusta facer as cousas á Deputación Provincial. 

A avenida inaugurábase o 27 de decembro de 2017 e a partir dese momento iniciábase o proceso para que pasase de mans da Deputación Provincial ás do Concello, un procedemento no que interveu a Xunta de Galicia. 

Telmo Martín agradeceu o investimento realizado en Luis Rocafort e descartou a posibilidade de crear novas prazas de aparcadoiro, unha demanda inicial dos comerciantes. O alcalde afirma que a obra é "magnífica e quedou moi ben" indicando que o comercio está moi ben co actual deseño da rúa.

A avenida Luís Rocafort conta con beirarrúas de ata seis metros de longo, velocidade limitada a 30 km/ h., 60 luminarias e cinco pasos de peóns sobreelevados, ademais doutras cinco "lombos" nas interseccións. Ademais, plantáronse cincuenta árbores e creáronse aparcadoiros para bicicletas e motos. O orzamento de licitación foi de 1,65 millóns de euros.

ESTRADA DE DORRÓN

A contratación das obras de mellora da estrada de Dorrón foron aprobadas na última Xunta de Goberno provincial e o deputado indicou que en breve sairán a licitación estes traballos. 

Uxío Benítez espera que a principios de 2019 iníciense as obras e explicou que os postes de Fenosa e Telefónica que se atopan no medio das beirarrúas serán retirados cando se acometan as canalizacións para soterrar os tendidos eléctricos e de telefonía.