A rehabilitación da ponte do Burgo será "menos ambiciosa" do previsto inicialmente

Pontevedra
12 de xaneiro 2016

A ponte do Burgo pasará a ser peonil nos próximos anos. Así o reiterou este martes o concelleiro de Obras, Luís Bará. Trátase dunha das actuacións de reforma urbana integral que o goberno municipal pretende ir tramitando ao longo deste ano para poder executala en 2017 ou 2018. Será, en todo caso, unha intervención "menos ambiciosa" da que estaba prevista para poder liquidar así os reparos de Patrimonio

Ponte do Burgo
Ponte do Burgo / Juan Mejuto

A ponte do Burgo pasará a ser peonil nos próximos anos. Así o reiterou este martes o concelleiro de Obras, Luís Bará. Trátase dunha das actuacións de reforma urbana integral que o goberno municipal pretende ir tramitando ao longo deste ano para poder executala en 2017 ou 2018. Será, en todo caso, unha intervención "menos ambiciosa" da que estaba prevista para poder liquidar así os reparos de Patrimonio.

Segundo indicou Luís Bará, finalmente non se eliminarán os engadidos estruturais que se incorporaron á ponte ao longo do século XX, polo que non recuperará o seu aspecto orixinal. Con todo, si que quedará pechado ao tráfico rodado. Esta peonalización supoñerá que a ponte dispoña dunha plataforma única e se conecte mediante un paso de peóns de "grandes dimensións" coas escavacións arqueolóxicas de Valentín García Escudero.

Ademais, eliminarase a rotonda situada nas inmediacións da gasolineira do Burgo, que deixará de ser operativa ao pechar ao tráfico a ponte, e mellorarase todo este ámbito.

Esta actuación terá continuidade coa reforma integral que o Concello expón para a rúa da Santiña que actualmente ten, lembrou o edil do BNG, "moitas carencias" en materia de accesibilidade e que deberá resolver o problema que provoca que a parte esquerda da rúa "estea practicamente sen urbanizar".

Bará enmarcou este proxecto na mellora da entrada e a saída do Camiño Portugués a Santiago, ao seu paso pola cidade de Pontevedra. Tamén se intervirá dixo en Otero Pedrayo e o Gafos -a expensas dos fondos europeos- e no eixo que forman o Gorgullón e a rúa Virxe do Camiño. Será, en todo caso, no marco dun plan de obras que abarcará o próximos tres anos.

Con respecto a esta última actuación, o concelleiro de Obras adiantou que se prevé rehabilitar de forma integral o tramo que vai desde a rúa do Muíño ata a rotonda con Uxío Novoneyra que será suprimida. O resto da rúa verá renovado o seu pavimento. Ademais, habilitarase plataforma única con preferencia peonil en Virxe do Camiño, desde o seu inicio en Eduardo Pondal ata chegar a Sagasta. 

Dentro desta estratexia, o Concello inclúe tamén a reforma de Loureiro Crespo, que se fará en dous tramos. Tras finalizar a creación dunha gran praza pública diante do Hospital Provincial, a continuación actuarase entre este punto e a rúa 12 de novembro. Unha vez se completen estes traballos, chegarase ata a avenida de Lugo, rúa que foi reformada no último tramo do pasado mandato municipal.