O proxecto de rehabilitación integral da rúa Javier Puig que promove o Concello de Pontevedra encara unha nova fase. Un total de 32 empresas formalizaron a súa oferta para acometer as obras, todas galegas e 14 con sede na provincia de Pontevedra.
O proceso de adxudicación das obras realízase por procedemento aberto e con tramitación ordinaria cun orzamento base de licitación de 437.328,43 euros.
As obras teñen como obxectivo a mellora da calidade urbana da rúa. O tratamento previsto será de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre o carril de tráfico rodado que levará aglomerado asfáltico e as beirarrúas que se farán en losetas de cemento, confinadas por bandas de pedra e separadas do carril de tráfico por un bordo de nivel semellante ao das rúas circundantes.
Os tráficos peonís estarán priorizados fronte aos rodados e o prego de condicións recolle que a obra terá que incluír a renovación de algunhas instalacións e servizos existentes na rúa, xustificadas polo seu mal estado ou antigüidade. Polo tanto, a empresa adxudicataria da obra asumirá a renovación da rede soterrada de abastecemento de auga, da rede de esgotos separativa e da canalización de cabos de alumeado público, moi deteriorado.
Segundo informou o Concello, non se tocarán por estar en perfecto estado a rede soterrada de gas natural, a canalización do subministro de enerxía eléctrica, a canalización telefónica nin a de fibra óptica.