A reitoral de Estacas abrirase ás visitas dos cuntienses en marzo

Umia
22 de febreiro 2022

O Concello de Cuntis programa para despois das festas de Entroido un ciclo de visitas guiadas á casa reitoral de San Fins de Estacas, que grazas a un convenio co Arcebispado permite o uso público das instalacións

Exterior da casa reitoral de San Fins de Estacas (Cuntis)
Exterior da casa reitoral de San Fins de Estacas (Cuntis) / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis programa para o mes de marzo un ciclo de visitas guiadas á casa reitoral de San Fins de Estacas. Concello e Arcebispado asinaron en maio do ano pasado un convenio que permite o uso público das instalacións, que agora se abren á veciñanza despois de que o Consistorio realizase unha primeira actuación de limpeza e roza do exterior, así como traballos básicos de acondicionamento interior.

O Concello de Cuntis estuda organizar unha xornada de portas abertas o mes próximo de marzo, en data aínda por determinar, para que este conxunto arquitectónico sexa descuberto pola poboación, tanto polos veciños e veciñas de Cuntis como polos cidadáns da contorna interesados no patrimonio cultural galego.

Esta xornada completarase cun ciclo de visitas guiadas organizadas desde a Oficina de Turismo de Cuntis, que comezará despois das festas de Entroido. Durante a semana as visitas organizaranse en horario de mañá, sempre que se forme un grupo mínimo de 10 persoas. Se hai interese en que se celebre algunha en fin de semana, Turismo organizaría unha visita o sábado. Os interesados en participar poden inscribirse a través de [email protected] ou chamando ao número 614 193 391.

CONXUNTO ETNOGRÁFICO

A reitoral de Estacas é un espazo singular que conserva elementos patrimoniais de interese etnográfico e que polo seu tamaño permite cualificala como pazo abacial, o que confería ao crego un símbolo físico do poder eclesiástico e señorial que ostentaba, así como do control das almas.

A facenda, que está toda ela amurallada, alberga un hórreo de 7 claros, aínda que antano foi maior, unha eira de mallar, un pombal de planta rectangular levantado nun dos vértices do cerrume e unha espadana coa súa campá. A muralla conserva aínda varias ameas que decoran algún dos seus tramos e que lle asignan ao conxunto características de edificio.