A renovación da iluminación pública da zona sur comezará por Campolongo

Pontevedra
03 de abril 2023

Setga será a empresa que se encargará de renovar toda a iluminación pública da zona sur da cidade de Pontevedra. Cobrará por este traballo case 1,56 millóns de euros. O cambio da iluminación deberá estar listo en tres meses, unha vez que se asine o contrato

Iluminación no serán en Campolongo
Iluminación no serán en Campolongo / Mónica Patxot

Setga será a empresa que se encargará de renovar toda a iluminación pública da zona sur da cidade de Pontevedra. Cobrará por este traballo case 1,56 millóns de euros. O cambio da iluminación deberá estar listo en tres meses, unha vez que se asine o contrato.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, sinalou que esta é unha actuación "ambiciosa", xa que supoñerá renovar máis de 1.600 luminarias, que pasarán a ser de tecnoloxía LED, e cambiar 32 cadros de mando.

"Vai a axudar a mellorar a calidade da iluminación desta zona da cidade", subliñou Gulías.

En concreto, dentro deste contrato incluirase todo o barrio de Campolongo, O Gorgullón, a Avenida de Vigo ata O Marco e a zona de Beiramar, incluídas A Moureira, A Barca ou a rúa Riestra.

A este respecto, o Concello deu instrución aos servizos técnicos municipais para que, de acordo coa empresa adxudicataria, a renovación de todos estes puntos de luz comece por Campolongo, onde os veciños denunciaron problemas coa iluminación.

A edil do BNG recoñeceu que nesta zona hai luminarias "moi antigas" que estiveron fallando nos últimos meses, por iso é polo que o cronograma previsto para estes traballos vaia a comezar por alí e ir abordando de maneira "paulatina" o resto de áreas.

Setga calcula que coa renovación de todo esta iluminación pública o Concello poida aforrar uns 370.000 euros anuais na factura da luz.

A este importante aforro económico, o goberno municipal suma os beneficios ambientais que supoñerá esta actuación, xa que reducirá a contaminación lumínica en gran parte da cidade.

Con respecto ás zonas rurais, Anabel Gulías destacou que "practicamente" está terminado a renovación da iluminación en todas as parroquias. Só quedan Salcedo e Tomeza nas que, segundo adiantou, dita contratación abordarase en próximas semanas.