A renovación dos xardíns da Praza de Galicia obriga a pechala durante un mes

Pontevedra
09 de xuño 2018

Así o comunicou o Concello de Pontevedra, que avanzou que a actuación vén de comezar coa mellora das áreas de axardinamento da praza. Nela, respectaranse os macizos de hortensias e se completarán coa colocación de novas especies de herbáceas, arbustos e bulbosas

Obras de mellora dos xardíns da praza de Galicia
Obras de mellora dos xardíns da praza de Galicia / Mónica Patxot

Os traballos para a renovación paisaxística da praza de Galicia impedirán o acceso a todo este ámbito urbano durante aproximadamente un mes.

Así o comunicou o Concello de Pontevedra, que avanzou que a actuación vén de comezar coa mellora das áreas de axardinamento da praza. Nela, respectaranse os macizos de hortensias e se completarán coa colocación de novas especies de herbáceas, arbustos e bulbosas.

Así, plantaranse especies como acantos, daphne odora, sarcococca hookeriana, bergenia herbstblute, liriope muscari, helleborus, iris e narcisus barret browining.

Unha vez rematada coa plantación, comezarán os traballos para mellorar o rego para estas novas plantacións e as anteriores, e procederase a rexenerar o céspede dos parterres.

A última parte do proxecto será a intervención no pavimento terrizo da praza co propósito de solucionar os problemas de alagamento. Está previsto levantar os paseos centrais da zona axardinada e renovalos co fin de darlle solución aos charcos e acumulacións de auga.

Coa renovación da praza de Galicia, tamén se actuará nas rotondas da avenida de Augusto García Sánchez e da Praza da Liberdade, onde se retirará a vexetación existente e se instalará un novo axardinamento, previa preparación do terreo.

Na zona empregaranse plantas resistentes e perennes con múltiples floracións anuais. Tamén se mellorará o sistema de rego, que será por goteo na Praza da Liberdade.

A empresa Ferroser é a encargada de executar estes traballos, que teñen un orzamento de case 52.000 euros.