A renovación en Cerdedo da Praza do Concello chega á súa recta final

Cerdedo Cotobade
11 de maio 2018

A falta de colocar o novo mobiliario urbano, a reforma urbana da Praza do Concello de Cerdedo está rematada. Trátase dunha actuación na que se invisten 180.000 euros do Plan Hurbe da Xunta de Galicia

Obras de reforma da Praza do Concello, en Cerdedo
Obras de reforma da Praza do Concello, en Cerdedo

A falta de colocar o novo mobiliario urbano, a reforma urbana da Praza do Concello de Cerdedo está rematada. Trátase dunha actuación na que se invisten 180.000 euros do Plan Hurbe da Xunta de Galicia.

As obras incluíron a renovación de todas as súas lousas de pedra e o soterramento de todos os servizos públicos. Supuxo a segunda actuación do Plan Hurbe no municipio tras a humanización do acceso á igrexa de Tenorio.

A reforma era necesaria, recorda o goberno municipal, xa que as pezas de granito do firme presentaban un acabado moi irregular, sobresaíndo unhas por riba das outras. Esta situación provocaba a súa rotura, principalmente polas condicións do terreo e o paso de vehículos, polo que se xeraban molestias aos peóns e ao tráfico e risco de accidentes.

Os traballos efectuados consistiron, inicialmente, na repavimentación de toda a praza e, sobre a nova soleira, a instalación dun novo enlousado con pedras de granito cun groso de 15 centímetros. Xa nos últimos días procedeuse ao soterramento dos servizos de abastecemento de augas, canalizacións de pluviais e fecais e rede de alumeado, polo que só resta a colocación dunha fonte, unha pérgola e os puntos de iluminación para acadar o fin de obra.

Ademais, no marco desta actuación tamén se executaron melloras a maiores do proxecto inicial nas pavimentacións da praza e da rúa de Outraldea.

Cubela explicou que esta obra era moi necesaria, "especialmente por cuestións de seguridade, aínda que a reforma tamén redundou nunha importante mellora estética" e amosouse convencido de que as novas lousas, cun maior grosor, "permitirán que a praza manteña o seu tránsito habitual sen roturas nin risco de incidencias".