A renuncia de Pontevedra e Poio a participar con Ence no Pacto Ambiental "no perjudicará" a ningún colectivo social

Pontevedra
13 de outubro 2016

Este xoves constituíuse na Delegación Territorial da Xunta en Campolongo a comisión de seguimento do Pacto Ambiental asinado con Ence. O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda advertiu á empresa pasteira "que vaia buscando un emprazamento alternativo" ao Pazo de Lourizán para o seu centro de investigación forestal  

Comisión de seguimento do Pacto Ambiental asinado con Ence
Comisión de seguimento do Pacto Ambiental asinado con Ence / Mónica Patxot

Este xoves constituíuse na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra a comisión de seguimento do Pacto Ambiental asinado con Ence. O acto contou coa participación do vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, e o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares e Brunet, ademais doutros representantes da empresa pasteira e da administración autonómica.

Entre outros obxectivos, a comisión de seguimento determinará o destino dos 3 millóns de euros que Ence comprometeu no seu programa social na cidade de Pontevedra e a súa comarca. E dicir, 180 millóns a fins sociais durante os sesenta anos que dura a prórroga da concesión dos terreos de Lourizán onde se sitúa a fábrica.

Ence convidou aos concellos de Marín, Poio e Pontevedra, e á Deputación, a integrarse nesta comisión con carácter permanente que colaborará na elaboración do programa social de Ence, así como no seguimento das actividades que se poñerán en marcha. Tan só o goberno local de Marín respondeu positivamente a esta invitación, mostrando o seu rexeitamento a esta iniciativa os concellos de Pontevedra e Poio.

Segundo explicou o conselleiro delegado de Ence, esta negativa "no perjudicará" aos colectivos sociais destes municipios. 

De acordo á visión de Ence, a participación das administracións públicas co seu coñecemento da realidade social da comarca fará que resulten máis eficientes para a sociedade os recursos achegados pola empresa para o desenvolvemento económico-social de Pontevedra.

Colmenares explicou que "nosotros somos una compañía industrial, no somos una ONG, o sea no estamos acostumbrados a gastar tres millones de euros todos los años en ese tipo de cosas" por este motivo a invitación aos concellos para participar nesta comisión responde á idea de que "es bueno que haya más de un colectivo diciéndonos donde es mejor" destinar o diñeiro "si hay más voces es más interesante", engadiu "pero perjudicar, no".

O pacto ambiental asinado o pasado 30 de xuño pola Xunta de Galicia e Ence, recolle a implementación do mencionado programa social para a "concesión de axudas, bolsas, contratos e outros métodos de financiamento necesarios para a realización de proxectos, estudos, investigacións e outros traballos da mesma índole".

PAZO DE LOURIZÁN

O pacto ambiental tamén inclúe outras actuacións fundamentais: o financiamento con 15 millóns de euros para a nova depuradora de Pontevedra, os 30 millóns de investimento que a fábrica asegura que se dedicarán a mellorar a eficiencia do complexo industrial, a construción dunha planta de coxeneración de biomasa, e a achega de cinco millóns de euros para converter o Pazo de Lourizán nun centro de referencia en investigación forestal. 

Sobre este último proxecto, Ence quere instalar na histórica residencia de Montero Ríos un centro privado de I+D+i. O Pazo é propiedade da Deputación, aínda que o seu uso está cedido á Xunta a quen lle corresponde o seu mantemento e conservación. Tanto a administración provincial como o Concello de Pontevedra xa mostraron o seu receo a que a empresa se instale no emblemático edificio.

Neste sentido, Alfonso Rueda comentou que "eu lamentaría moitísimo que non se puidese facer este investimento" pero xa advertiu a Ignacio de Colmenares "como queremos que se faga o que lle pedimos a Ence é que vaia buscando un emprazamento alternativo".

E engadiu o vicepresidente da Xunta respecto da Deputación de Pontevedra que "se o problema é que hai que facer unha solicitude formal para ver cal é a disposición, farémola sen ningún problema". 

Finalmente Rueda criticou á presidenta da Deputación, Carmela Silva, porque "adoita manifestarse co non respecto ás propostas que recibe". Por iso o vicepresidente galego expresou o desexo de que "espero que esta vez non faga así" e que os cidadáns de Pontevedra "non se perdan está oportunidade de facelo no Pazo de Lourizán".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en