A reparación dunha das pontes de madeira da Illa das Esculturas custará máis de 19.000 euros

Pontevedra
22 de novembro 2022

Os traballos se iniciarán antes de que remate o ano pola empresa Carpintería Abilleira  

Pasarela de madeira que vai ser reparada
Pasarela de madeira que vai ser reparada / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra investirá 19.293 euros en reparar unha das pontes de madeira que conecta a Illa das Esculturas co campus deportivo Manolo Barreiro, en concreto a situada á altura da facultade de Fisioterapia (ao final do último dos campos de fútbol). 

As obras serán executadas pola empresa Carpintería Abilleira, a mesma que xa efectuara a principios deste mandato a restauración da pasarela máis próxima ao chiringuito e ao parque infantil da Xunqueira, e incluirán a reparación dos arcos en mal estado, a reposición de soleiras, o arranxo dos pasamáns, a limpeza integral da estrutura, o seu cepillado e lixado para retirar elementos deteriorados, o empastado dalgunhas gretas e a aplicación dun lasurado protector.

Segundo constata o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes "a reparación desta ponte forma parte das tarefas regulares de mantemento coas que o Concello busca conservar en perfecto estado as estruturas que conectan coa contorna natural da Illa das Esculturas". 

Esta ponte permite atravesar a canle interna da Illa e, ao igual que a reparada a finais de 2019, presenta problemas de conservación e síntomas de podremia, polo que a súa reparación resulta necesaria para minimizar o risco dos viandantes que a empregan a diario ou en eventos como o Surfing The Lérez.