A revolución da Camelia

Pontevedra
15 de marzo 2014

O Congreso Internacional da camelia logra que se supere o 80% da ocupación hoteleira na cidade. Unha delegación da prefectura autónoma china de Dali busca intercambios comerciais con Pontevedra

O Congreso Internacional da Camelia supuxo un balón de osíxeno para o sector hostaleiro de Pontevedra. Este evento conseguiu que se superase o 80% de ocupación en boa parte dos hoteis da cidade e tamén en Vigo.

Esta ocupación continuará durante a próxima semana, dado que son máis de 125 os congresistas que permanecerán na provincia unha vez rematadas as sesións técnicas, co obxectivo de seguir coñecendo os xardíns e os atractivos desta provincia.

Durante este postcongreso, as delegacións dos diferentes países que permanecerán en Pontevedra hospedaranse en hoteis de Sanxenxo e terán ocasión de visitar boa parte das comarcas da provincia, achegándose tanto a diferentes xardíns como a empresas dedicadas ao cultivo e comercialización de camelias.

TURISMO E PRODUTOS AGROALIMENTARIOS

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou que despois deste congreso "a camelia toma unha nova magnitude na provincia" e se xa era unha parte destacada da nosa paisaxe, agora convértese en motor turístico e de dinamización económica.

Un bo exemplo é o interese amosado pola delegación da prefectura autónoma de Dalí, en China, que será a próxima sede do Congreso Internacional da Camelia en 2016 e que, durante a súa estadía en Pontevedra para recoller as credenciais que a acreditan como tal,  amosaron o seu interese en establecer relacións de intercambio turístico e comercial coas Rías Baixas e Galicia.