A Rúa do Adro en San Salvador de Poio vai dedicarse ao desaparecido Pepe Solla

Poio
11 de outubro 2020

O Concello de Poio promove esta iniciativa para destacar a súa traxectoria profesional e a súa implicación co municipio. José González Solla, falecido aos 91 anos en xaneiro de 2020, foi un "embaixador histórico", segundo explican desde a Concellería de Memoria Histórica, que levará a proposta ao pleno de outubro

José González Solla, Pepe Solla pai, durante a súa homenaxe a cargo do Centro Superior de Hostelería de Galicia
José González Solla, Pepe Solla pai, durante a súa homenaxe a cargo do Centro Superior de Hostelería de Galicia / Centro Superior de Hostelería de Galicia

Pepe Solla, o coñecido cociñeiro que falecía en xaneiro de 2020, contará cunha rúa do municipio de Poio co seu nome. A Rúa do Adro, situada na parroquia de San Salvador, vai dedicarse a este coñecido veciño unha vez que se aprobe a proposta do goberno local no pleno do próximo 27 de outubro..

Nesta rúa onde se atopa o seu domicilio familiar instalarase unha placa conmemorativa en lembranza da súa traxectoria persoal e profesional. A Concellería de Memoria Histórica iniciaba o expediente pouco despois do falecemento de José González Solla e xa foi aprobado pola Xunta de  Goberno Local, pero viuse paralizado con motivo da situación de pandemia.

Con esta decisión, o Concello de Poio quere render unha sentida homenaxe a un home que deixou un legado importante no ámbito da gastronomía e da restauración. Marga Caldas, concelleira de Memoria Histórica, afirma que o labor e o desempeño de Solla o converteu nun dos embaixadores máis importantes de Poio.

Casa Solla, o negocio de restauración fundado por Pepe Solla na década dos 60, foi o primeiro establecemento de Galicia que obtivo unha Estrela Michelín, distintivo que estreaba no ano 1980 e que mantivo converténdose nun exemplo para os establecementos gastronómicos de toda España.

Obtivo a Medalla ao Traballo da Asociación de Traballadores de Hostalería de Vigo, foi membro do Club de Leóns e da Pena da Boina, ademais de presidir a Asociación Amigos da Cociña Galega. Obtivo o Premio Pontevedreses do Ano na categoría de Economía e tamén foi recoñecido co Premio Amigos de Pontevedra.

Ademais a concelleira Marga Caldas admira o agarimo que a veciñanza sempre mostrou cara a esta figura da cociña galega e el sempre se mostrou orgullos de ser un veciño de Poio.