Unha das rúas que quedara fóra da reforma integral do barrio do Castañal, que se executou ao longo dos últimos meses, verá renovado o seu aspecto. Trátase da Rúa do Castañal, un vial de uso case exclusivo para os seus residentes.
O goberno municipal ten ultimado o proxecto de reforma desta rúa, que será presentado este xoves aos veciños en asemblea para consultar con eles algúns das cuestións que están pendentes, entre elas o mobiliario urbano ou o seu sentido de circulación.
Na reforma da Rúa do Castañal, o Concello investirá preto de 72.000 euros.
Pasará a ser un vial de plataforma única, polo que as beirarrúas demoleranse para poñer todo o pavimento á altura da calzada. Levará unhas franxas de pedra pegadas aos edificios e o centro será de asfalto puído, segundo explicou o edil de Obras, Demetrio Gómez.
Este material, que non foi empregado ata o de agora en Pontevedra, ten unha efectividade "testada" en moitas outras cidades, sinalou Gómez, e o Concello estuda incorporalo aos materiais habituais das reformas que realiza no ámbito urbano.
A cor que levará este pavimento aínda non está decidido porque "dependerá dos áridos dispoñibles no momento das obras", segundo engadiu o edil do BNG.
A iluminación xa se cambiou a LED hai pouco e a obra non incluirá o cambio dos servizos soterrados, pero si incorporará novo mobiliario. Os veciños deberán decidir se queren unha zona de estancia ou repartir os bancos ao longo de toda a rúa.
Ademais, o Concello propón que esta rúa quede reservada para o tránsito dos seus residentes, mesmo coa posibilidade de cortala ao tráfico polo medio, pero esta cuestión tamén se deixará a elección dos veciños que acudan á asemblea que se convocou.