A rúa do Costado, lista en novembro

Pontevedra
07 de outubro 2017

Antes de que remate o mes de novembro estarán concluídas as obras de reforma urbana que se están a executar na rúa do Costado, que une Valdecorvos con Santa Margarida. Estes traballos, que forman parte do plan para Mourente, están orzamentadas en 236.000 euros

Visita do alcalde ás obras de reforma urbana na rúa do Costado
Visita do alcalde ás obras de reforma urbana na rúa do Costado / Concello de Pontevedra

Antes de que remate o mes de novembro estarán concluídas as obras de reforma urbana que se están a executar na rúa do Costado, que une Valdecorvos con Santa Margarida. Estes traballos, que forman parte do plan para Mourente, están orzamentadas en 236.000 euros.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou as obras acompañado polo concelleiro delegado de Mourente, Alberto Oubiña, e recordou que esta actuación é unha "reivindicación veciñal" xa que a estrada atopábase en moi mal estado e dá servizo a 32 vivendas.

Son 700 metros de actuación nos que se renovan todos os servizos e recollida de pluviais, e tamén se completa cunha conexión de 70 metros que dá servizo ás vivendas que se atopan na parte alta da rúa. Rematarase coa instalación de pasos sobreelevados para baixar a velocidade na rúa a 30 quilómetros por hora. O asfaltado definitivo farase a vindeira semana.

Estes traballos compleméntanse co plan de calmado de tráfico en toda a parroquia de Mourente, que ten un custo de 134.000 euros, e que comezou esta semana polo lugar dos Areás.

Ademais, o Concello iniciará en breve os traballos de abastecemento no lugar dos Areás, adxudicado por 84.000 euros, e está en tramitación o proxecto de reforma da Casa da Cultura dos Campos que terá un custe duns 300.000 euros.

No mesmo trámite atópase a reforma do antigo colexio dos Campos para acoller as dependencias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por uns 200.000 euros.