A Seca celebra esta fin de semana o inicio da programación das festas do Nadal de Poio

Poio
16 de decembro 2021

A cita comezará o venres con concertos e obradoiros de skate, graffiti e cultura urbana nunha carpa de mil metros cadrados na que será obrigatorio cumprir con todas as medidas de hixiene e seguridade  

A programación do Nadal en Poio xa está en marcha con actos culturais nos colexios
A programación do Nadal en Poio xa está en marcha con actos culturais nos colexios / Concello de Poio

A explanada da Seca, na parroquia de San Xoán de Poio, acollerá desde este venres unha das citas de referencia do programa de Nadal impulsado pola Concellería de Cultura. Ao longo da fin de semana, unha gran carpa acollerá diferentes actividades, centradas fundamentalmente na rapazada, que poderá gozar de obradoiros sobre cultura urbana, inchables, un espectáculo musical infantil e do uso de karts a pedais ou quads.

O evento encargado de dar o disparo de saída á programación será ‘Seica na Seca!’, o 17 de decembro a partires das 16.30 horas. Será a partir dese intre cando dean comezo na carpa unha serie de ciclos formativos, de carácter lúdico e gratuíto, do máis orixinal. É o caso, por exemplo, do que impartirá sobre graffiti O’Ras, “un referente neste eido en toda Galicia”, lembra Rodríguez Alonso. O propio O’Ras tamén se encargará, ademais de achegar á mocidade técnicas de creación de arte urbana, de impartir unhas clases de skate. Pola súa banda, o produtor de música urbana e DJ G-Rich tamén ofrecerá unha sesión de iniciación na mistura musical. Tanto o artista como O Rabelo actuarán posteriormente, a partires das 18.30 horas.

A actividade na carpa non cesará durante a fin de semana. Tanto o sábado como o domingo pola mañá, de 11 a 14 horas, Loukart traerá karts a pedais, quads eléctricos, segways e inchables que farán as delicias de cativos e cativas. O sábado pola noite, ademais, haberá un concerto a cargo da orquestra Marbella, a partires das 21 horas.

O domingo pola tarde chegará outro dos intres máis agardados como é a tradicional Papanoelada Moteira, a cargo do motoclube A Rosa dos Ventos. Arredor de 150 moteiros e moteiras percorrerán as rúas do municipio, con saída da Seca ás 17.00 horas, para dar colorido ao Nadal.

Ademais, para as crianzas, tamén ás 17 horas a carpa acollerá un musical infantil, ofrecido polos Trasnos de Nadal de Nelson Quinteiro Producións, que estes días, e ata finais de ano, tamén achegan o espírito do Nadal aos centros educativos e ás rúas das parroquias poienses. Precisamente, na mañá deste xoves estiveron repartindo agasallos no CEIP Lourido, acompañados pola edil de Cultura e a responsable de Normalización Lingüística, Marga Caldas.

A concelleira de Cultura garante que as actividades da programación de Nadal levaranse a cabo tendo en conta a situación sanitaria actual e dando cumprimento ás medidas de seguridade e controis que marcan as autoridades sanitarias. No caso da carpa da Seca, será obrigatorio o uso de máscara e habilitarase xel hidroalcólico para o lavado de mans nos acesos.