A sede de Protección Civil de Poio ponse a punto

Poio
25 de febreiro 2022

A sede de Protección Civil de Poio no centro da Reiboa, en A Seca, está a vivir un proceso de posta a punto, no que buscan solucionar os problemas detectados en épocas de chuvias, eliminando a humidade, a condensación e as filtracións de auga

Obras de mellora da sede de Protección Civil
Obras de mellora da sede de Protección Civil / Concello de Poio

A sede de Protección Civil de Poio no centro da Reiboa, en A Seca, está a vivir un proceso de posta a punto, no que buscan solucionar os problemas detectados en épocas de chuvias, eliminando a humidade, a condensación e as filtracións de auga.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, pasou revista esta semana ás obras, que inclúen melloras encamiñadas fundamentalmente ao acondicionamento da fachada exterior, así como á substitución das fiestras.

A responsable municipal destaca o bo ritmo ao que avanza a actuación, que está sendo executada pola empresa Construcciones y Fachadas García SL, logo de que se levase a cabo o pertinente concurso de licitación.

O orzamento do proxecto supera os 20.000 euros, IVE engadido. Está previsto que os traballos finalicen nos vindeiros meses, nos que xa quedará instalado o novo illamento contemplado no proxecto técnico elaborado polo enxeñeiro municipal.

O responsable de Protección Civil, Manuel Vicente, acompañou a Marga Caldas na visita, na que destacaron a importancia de levar a cabo actuacións e melloras que sirvan para facilitar o traballo do colectivo.

Destacan que Protección Civil é unha agrupación integrada por persoas voluntarias que "inverten o seu tempo, de xeito totalmente altruísta, en axudar e colaborar en favor da cidadanía, ben sexa na participación de operativos de seguridade en eventos como en intervencións en sucesos de todo tipo, cobrando un especial protagonismo desde o inicio da pandemia da covid-19".

Só durante o ano 2021 a agrupación local levou a cabo máis de 500 actuacións.