A Seguridade Social tramita a alta no Concello de Pablo Fernández, concelleiro do PP

Pontevedra
22 de abril 2014

O concelleiro do PP presentara a primeiros de marzo un escrito na Inspección de Traballo para solicitar que se lle dese de alta na Seguridade Social pola súa dedicación exclusiva como membro da oposición entre o 23 de xullo de 2012 e o 19 de febreiro de 2014.

Rolda de prensa do concelleiro popular Pablo Fernández
Rolda de prensa do concelleiro popular Pablo Fernández / PontevedraViva

A Seguridade Social deu de alta o concelleiro do Partido Popular Pablo Fernández durante o período comprendido entre o 1 de setembro e o 19 de decembro de 2013 con motivo da reclamación presentada polo edil a raíz do enfrontamento polas dedicacións exclusivas co goberno local.

O concelleiro popular solicitara a principios de marzo, a través dun escrito na Inspección de Traballo, que se lle dese de alta na Seguridade Social pola súa dedicación exclusiva na oposición entre o 23 de xullo de 2012 ata o 19 de febreiro de 2014. Pablo Fernández recoñecera que se trataba dun paso previo, adoptado por asesoramento do seu avogado, para reclamar a execución da sentenza coa intención de que se lle pague o soldo do período no que asumira unha dedicación exclusiva.

Pablo Fernández entende que con este tramite "otra institución nos da la razón en la interpretación de la sentencia" e afirma que agora está en mans do Goberno local "cerrar este episodio desagradable acatando la sentencia".

Dende o goberno local, o concelleiro responsable de persoal, Vicente García Legísima, sinalou que aínda non recibiron ningunha información ao respecto por parte da Tesouraría da Seguridade Social nin por parte da Inspección de Traballo. O Concello achegou documentación durante a semana pasada e tamén a reclamación presentada polos concelleiros populares ante o xulgado.

García Legísima apuntou que "non é para que o concelleiro estea satisfeito porque non aparece xustificado que tivera unha actividade no Concello, unha dedicación como mínimo de media xornada de traballo. E por outro lado, é contraditorio co escrito presentado no Xulgado no que piden a execución da sentenza con efectos retroactivos".

O concelleiro lamentou que "a Tesourería e a Inspección de Traballo non deberían actuar antes de ver se a sentenza ten efectos retroactivos. Creo que deberían manterse ao marxe. Estase dilucidando diante do xulgado do contencioso e deberían esperar". Apuntou que o Concello presentará recurso ante esta decisión de dar de alta o concelleiro, unha vez que reciban a comunicación e sexa revisada polos técnicos municipais.