A seguridade viaria, unha das principais preocupacións en Ribadumia e Moraña

O Salnés
22 de novembro 2016

Recén renovado no seu cargo, o delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Cores Tourís, visitou os rexedores dos dous Concellos para coñecer as principais demandas destes municipios

Xosé Manuel Cores Tourís, delegado da Xunta, reunido co alcalde de Ribadumia, David Castro
Xosé Manuel Cores Tourís, delegado da Xunta, reunido co alcalde de Ribadumia, David Castro / Xunta de Galicia

José Manuel Cores Tourís, recentemente renovado no seu cargo como delegado territorial da Xunta de Galicia, visitaba este martes os concellos de Ribadumia e Moraña para entrevistarse cos seus alcaldes, David Castro e Luisa Piñeiro. 

Ambos os rexedores trasladaron ao representante da Xunta as principais demandas dos veciños do municipio. David Castro reclamou o avance na concentración parcelaria de Ribadumia, en concreto, na de Lois-Monte de Ribadumia, onde nestes momentos está a finalizar a creación das pistas rurais e a colocación dos marcos. 

Castro tamén demandou axudas para potenciar o polígono industrial do Salnés, ademais de melloras no aforro enerxético e na mellora da seguridade viaria, sobre todo nas inmediacións do centro educativo de Barrantes. 

A seguridade viaria tamén foi unha das peticións que realizou a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, durante a visita do delegado. Solicitou a mellora de infraestruturas viarias e de diferentes servizos. Pediu a axilización da contratación das obras do plan Hurbe, que permitirán a reforma do tellado do antigo mercado da vila, que será reformado como edificio de usos múltiples. A consellería de Medio Ambiente investirá 230.000 euros nesta primeira fase pero, segundo a alcaldesa, o obxectivo é continuar acondicionando o interior do edificio e cambiar todas as carpinterías. 

Piñeiro tamén demandou a continuación da senda que se executou no polígono de Moraña e que permitirá completar a seguridade viaria entre O Souto e O Silvoso.