Lixeiro incremento nas cifras de casos activos na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés no inicio dunha nova semana.
Segundo a actualización de datos sobre a pandemia ofrecida ás 10.00 horas deste luns 22 de novembro por parte do Servizo Galego de Saúde, son 225 os casos activos de coronavirus cos que conta a área pontevedresa.
Esta cifra supón un lixeiro incremento de 5 casos tras sumarse ás estatísticas na última xornada 16 novos contaxios e 10 altas epidemiolóxicas de pacientes.
Onde non cambian as cifras é no que respecta a a atención hospitalaria, con seis ingresados en centros asistenciais da comarca, mesmo número que o domingo. Deles 5 permanecen en planta e 1 evoluciona na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.
Desde o inicio da pandemia superaron o coronavirus 21.350 persoas en Pontevedra e O Salnés, rexistrándose 205 falecementos de pacientes con positivo activo, segundo confirma o Sergas.