A senda do Lérez ampliarase ata o río Almofrei

Pontevedra
03 de maio 2016

Cunha "mínima intervención", segundo o goberno municipal, a senda fluvial do Lérez poderá ampliarse polas súas dúas marxes ata o río Almofrei. Ese é o obxectivo da actuación que presentou este martes o concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez Junquera

Senda fluvial do río Lérez
Senda fluvial do río Lérez / Juan Mejuto

Cunha "mínima intervención", segundo o goberno municipal, a senda fluvial do Lérez poderá ampliarse polas súas dúas marxes ata o río Almofrei. Ese é o obxectivo da actuación que presentou este martes o concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez Junquera.

A mellora e ampliación da senda fluvial do Lérez na marxe dereita irá dende a praia dos Fontáns polo antigo camiño de pescadores ata a ponte do río Almofrei.

Tamén a marxe esquerda -de características urbanas e accesibles- chegará ata o río Almofrei co obxectivo de que no futuro se xunten as sendas dos dous ríos.

O Concello inclúe na relación de obras de mellora de mobilidade solicitada pola Xunta a adopción de medidas de calmado de tráfico nesta ponte e cruce viario xa que son moitos os peóns e ciclistas que pasan pola zona camiño dalgunha das distintas sendas e camiños tradicionais vinculados aos dous ríos.

Por unha banda, faranse traballos de limpeza da senda para retirar pólas e árbores danadas polos temporais e as chuvias do inverno, algunha roza superficial e aproveitarase para eliminar especies invasoras; mentres que por outra, farase unha mínima obra civil que consistirá en arranxar muros e pasos de auga, repoñer chanzos ou arranxar un pouco desniveis de terreo en mal estado.

As actuacións nesta marxe terán un custo de arredor de 21.000 euros e estarán listas nesta mesma primavera.