Preto de 40.000 euros investirá o goberno municipal de Bueu nunha actuación que permitirá ampliar a senda do Río Bispo ata o ata o lavadoiro da Portela.
Esta obra, financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dará continuidade ao tramo urbano que se preparou hai uns anos e será executada pola empresa EC Casas, segundo informa o Concello.
O alcalde, Félix Juncal, destacou que "estamos diante dun proxecto de grande interese para a cidadanía e do que xa nos comprometeramos coa veciñanza da zona a comezos do verán".
Os traballos acondicionarán máis dun quilómetro de camiño, a través da limpeza e preparación do camiño con xabre e a colocación de paneis interpretativos e báculos de distancias.
O obxectivo desta actuación, engadiu o alcalde, é revalorizar un espazo "que se utilizaba como punto de reunión cando se lavaba a roupa e se mazaba o liño".