A situación "caótica" do arquivo de documentación dos xulgados da Parda chega ao Parlamento

Pontevedra
19 de maio 2017

Patricia Vilán alertou sobre o "deficiente estado" do almacenamento e organización dos arquivos xudiciais en Galicia e puxo os xulgados da Parda como exemplo dunha situación que "pon en risco os fondos e dificulta o traballo da Xustiza"

Así se atopan os arquivos xudiciais nos Xulgados da Parda
Así se atopan os arquivos xudiciais nos Xulgados da Parda / PontevedraViva

Nos Xulgados de Primeira Instancia número 2 e 5 de Pontevedra, na Parda, as caixas con documentos xudiciais "moran debaixo das mesas dos traballadores" e ata se ten habilitado un cuarto aparte para gardar a documentación. Son tan só dous exemplos da "situación caótica" que se vive en xulgados de toda Galicia e que a deputada pontevedresa Patricia Vilán levou ao Parlamento a través dunha pregunta oral na comisión de Xustiza. 

A socialista, portavoz de Xustiza de seu grupo no Parlamento, alertou sobre o "deficiente estado" do almacenamento e organización dos arquivos xudiciais en Galicia e puxo os xulgados da Parda como exemplo dunha situación que "pon en risco os fondos e dificulta o traballo da Xustiza"

Segundo explica, na Parda non hai espazo nin persoal técnico especializado na criba de arquivos e os documentos están esparcidos polo chan, almacenados en estanterías, en mesas e en sitios de paso. Ademais, mantén que tan só hai unha persoa contratada como bolseira encargada do traballo de expurgo en todo o inmoble.

Entre outros exemplos, tamén denuncia a situación dos xulgados de Vilagarcía, onde usan como arquivo parte dun garaxe e os calabozos.

Ademais, critica que, coñecendo esta situación, a Xunta de Galicia continúe cunha mensaxe triunfalista na que o vicepresidente, Alfonso Rueda, "presume" do cumprimento do Plan de Modernización de 2003, que establece criterios para ordenar os documentos e explicita a necesidade de locais axeitados para toda a documentación.