Os preparativos das Festas da Peregrina xa empezan a deixarse notar na cidade. A 'skate praza' da avenida Raíña Vitoria comezou a dicir ata logo para dar paso, durante as semanas festivas, ás atraccións que cada ano se instalan nesa zona da cidade.
Os traballos de desmontaxe dos diferentes elementos que compoñen a 'skate praza' comezaron este luns, 31 de xullo, e todo estará baleiro para que nunha semana comece a montaxe das atraccións.
Desde o Concello lembran que as pezas que compoñen esta zona de ocio e deporte urbano foron deseñadas para poder ser desmontadas e montadas segundo requirise a situación, cumpríndose agora coas previsións de destinar o espazo para un uso festivo durante as festas de verán.
Desde a área de Festas indican que se agarda a chegada de máis de medio cento de postos de comida, atraccións para todas as idades, tómbolas e demais.
A instalación comezará na noite do luns 7 de agosto.
A partir dese momento, quedarán cortadas para o tráfico rodado as rúas Alameda e San Roque, tal e como vén sendo habitual desde hai anos.