A Subdelegación volve convocar a mesa de violencia machista para fomentar a prevención

Pontevedra
31 de xaneiro 2020

Na provincia existen 1.081 casos activos, dos que once son cualificados de risco alto

Reunión da mesa de violencia de xénero na Subdelegación do Goberno
Reunión da mesa de violencia de xénero na Subdelegación do Goberno / Cristina Saiz

A Subdelegación do Goberno de Pontevedra convocou este venres a Comisión Provincial de Coordinación do Sistema Integral dos Casos de Violencia de xénero que levaba varios anos sen reunirse desde que se creou no ano 2013. O obxectivo desta reunión é, en palabras da subdelegada Maica Larriba, "abordar posibles solucións das situacións de violencia, cuestións de coordinacion, informacion e recursos", puntualizou.

A mandataria, que compareceu diante dos medios durante un descanso da reunión, matizou que "está a ser unha mesa moi intensa, están a analizarse todas as dificultades que presenta a atención a unha violencia tan específica como é a violencia de xénero".

Un dos puntos nos que se fixo especial fincapé foi nas particularidades deste tipo de violencia. "A ninguén se lle escapa que existen circunstancias de tipo emocional que derivan en moitos en casos en non querer declarar, denunciar, transixir e consentir. E ás veces aquelas condicións que establecen as sentenzas non se cumpren", recoñece Larriba.

A socialista fixo públicos os datos actualizados ao 31 de xaneiro dos casos activos de violencia machista. "Na provincia hai 1081 casos activos, once de risco alto, 134 de risco medio, 422 de risco medio e 514 de risco non apreciado", expuxo.

Un dos aspectos tratados na comisión foron as dificultades de coordinación e os baleiros que existen no tratamento destes casos. "O obxectivo é mellorar a coordinación de todos os sectores implicados no tratamento dos casos para reducir os casos, mellorar a seguridade das victimas e rehabilitar aos agresores como forma de prevencion", rematou a dirixente.