A subdelegada axilizará trámites para que menores do Magreb e da África Subsahariana poidan ser operados en Pontevedra

Pontevedra
23 de agosto 2018

Maica Larriba mantivo un encontro cun representante en Galicia da ONG 'Tierra de hombres', que se encarga de que estes nenos reciban asistencia médica con garantías

A subdelegada do Goberno Maica Larriba co representante da ONG 'Tierra de hombres'
A subdelegada do Goberno Maica Larriba co representante da ONG 'Tierra de hombres' / Subdelegación del Gobierno

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, recibía este mércores a José Raúl Besada Vázquez, representante da organización non gobernamental (ONG) 'Tierra de hombres', unha entidade que desenvolve actividades principalmente sanitarias nos países do  Magreb e do África Subsahariana, sobre todo en Malí, Senegal,  Benin, Togo e Guinea  Conakri.

'Tierrra de hombres' desenvolve un traballo que permite que menores destes países con distintas enfermidades ou traumatismos se despracen a España para ser atendidos e operados das patoloxías que padecen. Esta ONG conta cun programa de colaboración con hospitais tanto públicos como privados de Galicia. 

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi, este ano, o primeiro na provincia que tras asinar un convenio de colaboración coa ONG realizou a primeira intervención dunha menor procedente de Senegal. Esta nena de dez anos fora atropelada no seu país. Alí foi operada do nocello danado pero o resultado non fora satisfactorio. No hospital público de Vigo foi intervida de novo e sometida a cirurxía plástica. Agora atópase en fase de rehabilitación. 

O representante de 'Tierra de hombres' solicitou á subdelegada que os servizos de estranxeiría axilicen os trámites para que estes menores poidan viaxar con garantías e seguridade na súa estadía con familias de acollida ao mesmo tempo que reciben o tratamento sanitario. Larriba confirmou que tentarán axilizar estes procesos e mostrou o seu apoio á ONG polo labor que realiza