A subdelegada do Goberno destaca o compromiso de Caldas coa rexeneración do casco histórico

Umia
16 de novembro 2021

Maica Larriba puxo as actuacións que se veñen desenvolvendo na Vila Termal como exemplo da aposta do Goberno pola rehabilitación de vivenda e a rexeneración urbana e dos cascos históricos, como o de Caldas, así como coas áreas de influencia do Camiño de Santiago

Visita da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a Caldas de Reis xunto co alcalde, Juan Manuel Rey, e outros membros do goberno local
Visita da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a Caldas de Reis xunto co alcalde, Juan Manuel Rey, e outros membros do goberno local / Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitaba este martes a Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Caldas de Reis xunto co alcalde, Juan Manuel Rey, e outros membros do goberno municipal.

Larriba puxo as actuacións que se veñen desenvolvendo na Vila Termal como exemplo da aposta do Goberno pola rehabilitación de vivenda e a rexeneración urbana e dos cascos históricos, como o de Caldas, así como coas áreas de influencia do Camiño de Santiago.

Maica Larriba supervisou as obras de reforma e mellora do abastecemento que se están executando na rúa Real de maneira cofinanciada entre a Deputación de Pontevedra e os fondos procedentes das axudas ás ARI do Programa de fomento da rexeneración urbana e rural correspondente ao Plan Estatal de Vivenda 2018-2021.

En relación coas ARI, Maica Larriba recordou que nos últimos anos "mentres as axudas para a rehabilitación por parte do Estado medraron, as da Xunta de Galicia baixaron". Neste sentido, sinalou que "por cada actuación nunha zona ARI dun casco histórico o Goberno aporta ata 24.000 euros, mentres que a Xunta aporta un máximo de 5.500".

A subdelegada do Goberno recordou que Caldas se atopa xa na súa terceira fase da ARI e que recibiu en 2021 un total de 374.000 euros para a rehabilitación de vivendas "dos que o Goberno aportou 297.000, o 79,5% do total da axuda". Desde a creación da ARI de Caldas en 2017 e ata agosto de 2021 foron uns 75 os particulares que solicitaron as axudas específicas para a rehabilitación de vivendas neste tipo de áreas.

Na provincia son dez os concellos que contan con Áreas de Rehabilitación Integral: Pontevedra, Poio, Marín, Caldas de Reis, Cambados, Vilagarcía, Baiona, Vigo, Cangas e Tui. Entre todas elas contemplan 9.303 vivendas susceptibles de seren rehabilitadas.