A tapa de Rubén González, a máis vangardista do Concurso Nacional de Pinchos

Pontevedra
10 de novembro 2022

Octópoda, a tapa coa que Rubén González (El Cafetín) participaba no Concurso Nacional de Pinchos celebrado en Valladolid, ten premio. O xurado do certame seleccionouna como a tapa máis vangardista das 46 que participaron na competición

Rubén González co premio logrado en Valladolid
Rubén González co premio logrado en Valladolid

Octópoda, a tapa coa que Rubén González (El Cafetín) participaba no Concurso Nacional de Pinchos celebrado en Valladolid, ten premio. O xurado do certame seleccionouna como a tapa máis vangardista das 46 que participaron na competición.

A súa foi unha das seis creacións culinarias que destacaron neste concurso, cuxo gañador foi o chef Ariel Munguía do Restaurante El Puntido (Áraba), que presentou un bocado de bacoriño como elaboración.

"Non podemos estar máis contentos e orgullosos de sumar este premio por, precisamente, o altísimo nivel de todos os colegas que aí participan, que son un orgullo para a profesión", sinalou Rubén González nas súas redes sociais.

O cociñeiro pontevedrés, que recibiu un diploma acreditativo do premio, apostou por un prato de "100% polbo", segundo explicaba a PontevedraViva antes da competición.

A un guiso tradicional de polbo, o cociñeiro engádelle un envoltorio elaborado cunha masa de bolo de pan frito, pil pil de polbo por encima, unha lámina de polbo seco e unha pipeta con salsa de polbo concentrada.

Un "polbo terra", unha verza recuperada para a cociña, completa esta proposta, que presenta dentro dunha "galeuska", unha especie de boneca tipo matrioska rusa co traxe tradicional galego, coa que busca homenaxear especialmente ás mulleres 'pulpeiras'.