A Telleira será a sede galega de SEO Birdlife tras a súa rehabilitación

Sanxenxo
17 de outubro 2022

O istmo da Lanzada e, por extensión, o litoral da ría de Arousa é un dos nove humidais máis importantes de España. Por iso é polo que non sexa de estrañar que a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Birdlife) decidise fixar alí a súa sede en Galicia

A Telleira
A Telleira

O istmo da Lanzada e, por extensión, o litoral da ría de Arousa é un dos nove humidais máis importantes de España. Por iso é polo que non sexa de estrañar que a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Birdlife) decidise fixar alí a súa sede en Galicia.

O edificio da Telleira, en Vilalonga, é o lugar elixido. O emblemático inmoble, que será rehabilitado a través dos fondos europeos Next Generation, cederase parcialmente a SEO Birdlife, segundo recollerá o convenio que a entidade asinará co Concello de Sanxenxo.

O contido do edificio xirará en torno ao medio ambiente e a recuperación desta fachada marítima e nel incluirase tamén as dependencias municipais de Medio Ambiente.

O convenio incluirá ademais o compromiso de SEO Birdlife de iniciar xa a actividade na zona como paso previo a un acordo de custodia do territorio que o colectivo xa ten con outros concellos españois.

"Este humidal é un dos mellores do norte de España tanto polo número como pola variedade de especies que chegan do norte de Europa a invernar a esta zona. Ten un valor natural incalculable que hai que protexer e dar a coñecer", destacou Gustavo Ferreiro, representante de SEO Birdlife en Pontevedra.

Na actualidade, A Telleira acolle a sede do Banco de Alimentos Rías Baixas, que se trasladará ao centro de Vilalonga, ao edificio do antigo mercado.

Para iso, este luns comezaron as obras de adecuación que permitirá dotar a este servizo dun edificio de 211 metros cadrados. Tras esta obra, o interior quedará distribuído cun almacén que será unha gran sala diáfana, un aseo adaptado e unha cámara de frío.

Faranse ademais traballos de illamento, pintado, fontanería e electricidade e mellorarase o acceso ás instalacións, dotando á entidade social dunhas instalacións máis modernas.