Catro traballos universitarios veñen de ser galardoados na cuarta edición dos premios Ernestina Otero, organizados polo Concello de Pontevedra para recoñecer investigacións relacionadas co fomento da igualdade entre homes e mulleres, así con promover a sensibilización e participación da cidadanía nesta materia.
Dotados cun premio económico de 1.000 euros, un total de 17 proxectos, defendidos ao longo do curso 2015-2016, concorreron á presente edición destes premios.
Os tres premios na categoría de traballo de fin de grao foron:
- O impacto da coeducación no desenvolvemento persoal, de Tamara Fernández Amosa. É un traballo que, segundo o xurado, aporta unha boa metodoloxía e unha boa proposta de intervención partindo dun diagnóstico inicial. Existe ademais unha auto avaliación na que se recollen propostas de mellora nun campo tan prioritario de traballo como é o educativo.
- A educación afectivo-sexual en persoas con diversidade funcional e intelectual, de Bárbara Penas Rey. O xurado recoñeceu a súa valentía no tema que trata poñendo o foco nunha realidade que normalmente se agacha, visibilizando unha realidade que non se quere ver e dando voz aos protagonistas fomentando a súa autonomía.
- Escola de Igualdade: Proxecto de formación en igualdade de xénero para o monitorado de Noites Abertas, de Ignacio Márquez Collazos. É un traballo práctico que avalía unha experiencia que xa está en marcha propoñendo vías de mellora.
Pola súa banda, na categoría de traballos de fin de master o premio foi para As bruxas non me dan medo (o que me dá medo son os fillos de puta), de Rebeca López Villar, que debulla o concepto "bruxa" na creación audiovisual contemporánea e pon de manifesto a importancia da obra artística para a difusión das mensaxes.
Os galardóns entregaranse nun acto público que se celebrará na Casa da Luz o vindeiro luns 28 de novembro.
O xurado que outorgou estes premios por unanimidade estivo composto por Carmen Fouces, concelleira de Igualdade; Rosa Campos, directora do CIM; Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; Montserrat Golías, representante da Universidade da Coruña; e Dolores Vilavedra, en representación da USC.