A terceira fase da humanización de Carballedo será no primeiro semestre de 2019

Cerdedo Cotobade
15 de novembro 2018

Segue avanzando a humanización do núcleo da Chan, en Carballedo. A Deputación de Pontevedra aprobou a contratación da terceira fase desta actuación, valorada en 519.000 euros. As empresas interesadas teñen ata o 11 de decembro para presentar as ofertas

Infografía das obras de humanización da Chan
Infografía das obras de humanización da Chan / Concello de Cerdedo-Cotobade

Segue avanzando a humanización do núcleo da Chan, en Carballedo. A Deputación de Pontevedra aprobou a contratación da terceira fase desta actuación, valorada en 519.000 euros. As empresas interesadas teñen ata o 11 de decembro para presentar as ofertas.

En virtude deste acordo, o Concello sufragará o 30% do orzamento, ademais de aportar a consecución dos terreos afectados a través dunha compravenda de mutuo acordo, e o organismo provincial abonará o 70% restante.

"Agora xa está todo listo e durante a primeira metade do ano veremos un cambio total na Chan coa súa humanización, que ademais quedará rematada aproximadamente antes do verán, xa que o prazo de execución é de seis meses", explicou o presidente municipal, Jorge Cubela.

A obra contempla a humanización da Praza da Chan, a mellora da travesía desde o consistorio e o acondicionamento peonil da contorna da capela de San Roque, así como a creación dun aparcadoiro público gratuíto en superficie con 55 prazas fronte ao centro de saúde, que era unha das principais demandas dos veciños e unha das teimas perseguidas polo goberno local. 

Cubela destacou que a obra "completa o círculo do que queremos para A Chan", xa que vai mellorar a imaxe estética da vila, "converténdoa nun lugar máis accesible e orientada especialmente ao goce dos nosos veciños".