A terceira fase do Plan Móvese inclúe medio milleiro de actuacións na provincia

Pontevedra
23 de marzo 2021

Así o anunciou este martes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que defendeu que este é o plan "máis ambicioso e potente" que neste eido existe en toda Galicia e que, segundo engadiu, contribuirá ademais a dinamizar a economía

Presentación da terceira fase do Plan Móvese
Presentación da terceira fase do Plan Móvese / Deputación de Pontevedra

Ata medio milleiro de actuacións vanse a incluír na terceira fase do Plan Móvese, un programa da Deputación de Pontevedra para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nas estradas provinciais. Nesta nova etapa vanse a investir 2,7 millóns de euros.

Así o anunciou este martes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que defendeu que este é o plan "máis ambicioso e potente" que neste eido existe en toda Galicia e que, segundo engadiu, contribuirá ademais a dinamizar a economía.

A través desta terceira fase do Plan Móvese, "non haberá nin unha soa vía provincial analizada con riscos para os peóns que vaia quedar desatendida", avanzou Silva, que destacou que a provincia de Pontevedra reforzará a súa posición como "referencia" da mobilidade amable.

En concreto, haberá actuacións en 54 concellos que xa están licitadas a través de tres lotes que dividirán a provincia nas zonas norte, centro e sur; dando reposta ás demandas dos concellos, da cidadanía e ao estudo realizado pola Deputación sobre o estado das vías provinciais.

En concreto, na zona norte (que comprende entre outros a Caldas, Cerdedo-Cotobade ou Cuntis) vanse investir 603.312,41 euros a través de 121 actuacións.

Na zona centro haberá 166 actuacións por valor de 928.233,39 euros nos concellos da Lama, Barro, Bueu, Cambados, Campo Lameiro, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Vilaboa, Vilagarcía ou Vilanova.

Para a zona sur, que son os concellos de Vigo ou o Baixo Miño, destinaranse 1.127.319,41 euros para impulsar 192 actuacións.

Dende o 2016 e no marco do Plan Móvese realizáronse 1.475 actuacións en 57 concellos da provincia, investindo 8,2 millóns de euros para transformar as vías provinciais "a través dun modelo claro", segundo a presidenta provincial.

Dentro deste programa execútanse intervencións que responden aos obxectivos de mobilidade amable e sostible, de conectividade urbana e a accesibilidade universal, de aposta por políticas ambientais, de redución da pegada de carbono e accidentes ou de protección das persoas máis vulnerables, creando espazos de coexistencia equitativa entre peóns e vehículos. 

Entre as iniciativas concretas que se impulsan no marco do Movese están os redutores físicos de velocidade e os pasos peonís sobreelevados, que protexen a visibilidade fronte ao estacionamento, dan continuidade á rasante do paso e da beirarrúa e garanten a iluminación do paso peonil a través de luminarias LED fixas ou dinámicas.