A tradición mariñeira do Grove inspira unha nova fonte tipográfica

O Salnés
18 de maio 2021

Esta tipografía, segundo explican os seus autores Rubén Prol e Lino Prieto, está inspirada nas características letras e números dos folios, o que corresponde ás matrículas nos vehículos en terra de moitas da embarcacións dos portos do Grove e Meloxo

Folios nos barcos do Grove creados por Raúl Fontoira
Folios nos barcos do Grove creados por Raúl Fontoira / Lino Prieto e Rubén Prol

Fontoira. Ese é o nome da fonte tipográfica que crearon dous deseñadores do Grove inspirándose na tradición mariñeira da vila. En concreto, dos seus barcos.

Esta tipografía, segundo explican os seus autores Rubén Prol e Lino Prieto, está inspirada nas características letras e números dos folios, o que corresponde ás matrículas nos vehículos en terra de moitas da embarcacións dos portos do Grove e Meloxo.

As súas principais características, detallan os seus creadores, son o coidado das formas, os detalles nos remates de letra e os desenvolvementos das particulares ligaduras.

Coa creación desta tipografía, ambos pretenden contribuír á conservación deste sinal de identidade da cultura mariñeira do Grove, ofrecendo a posibilidade de aplicar este estilo aos medios dixitais actuais.

Rubén e Lino comezaron coa idea de materializar esta tipografía hai un par de anos.

Neste proceso estudiaron material fotográfico e mesmo realizaron un traballo de campo que os levou ata Raúl Fontoira, un mariñeiro do porto de Meloxo.

Desde moi novo é afeccionado á rotulación e ao longo dos anos foi o responsable de rotular cos seus pinceis as amuras de numerosas embarcacións. Chegou a crear un estilo moi particular e por iso esta tipografía leva o seu nome, como recoñecemento á súa arte.

Esta tipografía está a disposición na páxina web que lanzaron os seus autores, na que ademais se pode atopar máis información sobre o proceso de creación. A súa licenza de uso é gratuíta para uso persoal ou fins non lucrativos.