A transformación da fachada portuaria de Portonovo custará 15 millóns de euros

Sanxenxo
30 de marzo 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este xoves e o peirao de Portonovo para presentar os plans de transformación da fachada portuaria da localidade

Presentación do anteproxecto de transformación da fachada portuaria de Portonovo
Presentación do anteproxecto de transformación da fachada portuaria de Portonovo / Xunta de Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este xoves e o peirao de Portonovo para presentar os plans de transformación da fachada portuaria da localidade, que pasan por un anteproxecto no que está a traballar Portos de Galicia cun investimento estimado, compartido e a medio prazo de arredor de 15 millóns de euros.

A titular de Mar, que estivo acompañada polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou que o anteproxecto ten como punto de partida o proxecto gañador do concurso de ideas lanzado polo ente público e o Concello de Sanxenxo en xaneiro de 2022 para reordenar os distintos espazos do peirao de Portonovo.

A representante do Executivo galego detallou que a idea é executar en distintas fases as actuacións previstas polo proxecto gañador do concurso: "Novo porto de Portonovo", elixida entre seis finalistas. 

O investimento estimado de 15 millóns de euros será sufragado de xeito compartido por Portos de Galicia e polos concesionarios de distintas instalacións como o aparcadoiro subterráneo planificado na zona. 

O proxecto resolve a comunicación transversal entre o núcleo urbano da localidade e o bordo portuario ampliando o espazo de uso peonil próximo ás vivendas. Ademais, mantén a conexión lonxitudinal, tanto peonil como rodada, necesaria para o desenvolvemento da actividade portuaria e a accesibilidade á trama urbana.

A planificación dos espazos inclúe varias prazas pensadas para os peóns e resolve o problema de estacionamento na contorna coa creación dun aparcadoiro subterráneo con máis de 300 prazas dispoñibles nun só andar. Ademais reserva máis de 15.000 metros cadrados para áreas peonís e zonas verdes humanizadas, incluída unha gran praza central resultante de rectificar a vía para afastala das fachadas, así como unha nova praza do Porto próxima á lonxa.

USOS PORTUARIOS

A estas e outras actuacións na zona urbana engádense outras para a actividade pesqueira e usos portuarios aos que o proxecto reserva preto de 22.000 metros cadrados. Entre as actuacións a realizar está o derrubamento do edificio de departamentos de usuarios da avenida de Pontevedra para trasladar a súa actividade a un novo edificio instalado no espigón do dique de abrigo. A previsión é tamén cambiar de localización a fábrica de xeo e crear novos espazos para as escolas de vela e remo.

A conselleira salientou que "se trata dun proxecto moi ambicioso e de amplo percorrido" pois implicará trámites como a modificación da delimitación de espazos e usos portuarios (DEUP) e a elaboración dun plan especial do porto de Portonovo. Neste sentido, Rosa Quintana incidiu en que a Xunta e o Concello están a traballar da man para axilizar toda a tramitación e "iniciar canto antes a transformación da fachada marítima da localidade". 

O labor que está a realizar Portos de Galicia para iniciar a contratación do anteproxecto inclúe a reordenación do tráfico sobre unha plataforma única, a construción de novos departamentos de usuarios ou a creación dun paseo sobre o dique de abrigo que dará acceso ao servizo de pasaxe. A eles engádense a dotación dunha praza pública para o lecer da cidadanía, a creación dese aparcadoiro subterráneo, a ampliación das instalacións das redeiras, a dotación de equipamentos para as escolas deportivas ou a habilitación de prazas de atraque para embarcacións culturais, entre outras actuacións.