Máis de 250.000 quilos de alimentos foron recadados durante a Gran Recollida celebrada o pasado mes de novembro por parte da Fundación Provincial Banco de Alimentos.
Unha vez finalizado o cómputo total das achegas dinerarias rexistradas durante a recente campaña solidaria ao pasar pola caixa dos supermercados, a través da web e vía Bizum, constátase que é unha cifra por baixo da metade do recadado hai un ano cando esta ONG bateu todos os récords, logrando un dato histórico: 550.000 quilos de alimentos.
Desde o Banco de Alimentos entenden que "a Gran Recollida 2020 desenvolveuse dentro dun contexto social excepcional cunha sensibilidade máis que especial polo estalido da pandemia e a súa prolongación no tempo".
"Actualmente, a situación económica non é a máis favorable e o incremento dos prezos básicos á alza auguran un futuro inmediato non moi diferente", apuntan desde esta ONG.
Segundo os seus cálculos, con estes máis de 250.000 quilos de comida lograda, poderán afrontar de maneira "óptima" as necesidades das 22.000 persoas vulnerables ás que atenden, durante os primeiros meses de 2022.
Todo apunta que o ano próximo o Banco de Alimentos volverá impulsar e a levar a cabo distintas accións solidarias buscando de novo a complicidade da cidadanía e evitar, así, o desabastecemento dos dous almacéns actuais: o de Faustino Santalices (Pontevedra) e o de Lavadores (Vigo).