Durante o ano 2021, a delegación pontevedresa da Fundación Provincial Banco de Alimentos informa de que repartiu 370.000 quilos de alimentos, o que representa un 8 por cento máis con respecto ao ano anterior.
Esta cifra de alimentos distribuídos desde a sede en Pontevedra, na rúa Faustino Santalices, forma parte dos máis de 2 millóns de quilos de produtos contabilizados e entregados durante o exercicio de 2021 pola Fundación, con sede principal na cidade de Vigo desde hai máis de 25 anos.
Deses 370.000 quilos de alimentos, case 78.000 quilos corresponderon ao compromiso da entidade na súa loita contra o desperdicio. Trátase da xestión de comida en perfecto estado de consumo e que xa non se comercializa por diferentes motivos.
Actualmente, en Pontevedra Banco de Alimentos conta con convenios de colaboración con empresas como Carrefour, Mercadona, Supercor, Coren e a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (OPRAMAR) coas que, ao evitar ese malgasto de comida, contribuíuse tamén positivamente ao medio ambiente.
Así mesmo, desde a entidade indícase que en 2021 mellorouse a cesta básica que se entrega para conseguir unha nutrición máis saudable e equilibrada. Neste sentido, incluíronse nesta cesta básica produtos como carne, peixe, froitas, verduras e todo tipo de conservas.
O Banco de Alimentos en Pontevedra traballa cunha corentena de ONG situadas en localidades como Poio, Marín, Pontecaldelas, Caldas de Reis, Sanxenxo, Vilagarcía, Lalín, Arcade ou Cambados, entre outras. A través delas, aténdese a máis de 5.000 persoas desfavorecidas de Pontevedra e as súas comarcas.